Tuesday 14 de May de 2024

Feijóo avoga por que o lugar de orixe se identifique nos produtos


Afirma que o novo Plan de Desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aposta por poñer en valor a calidade de orixe dos produtos galegos, “unha calidade por riba da media”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por que o lugar de orixe de identifique nos produtos. “Cando un país está satisfeito dos seus produtos o que quere é que se coñeza a orixe dos mesmos. E, nós queremos que vaia o lugar de produción, queremos que nos tetrabriks do leite se saiba por parte do consumidor que esa leite é galega. Queremos poñer a disposición dos consumidores a orixe dos produtos e o lugar onde se producen”, afirmou.

Nesta liña, afirmou que o novo Plan de Desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aposta por poñer en valor a calidade de orixe dos produtos galegos, “unha calidade por riba da media”, aseverou que brinda a oportunidade para triunfar desde o punto de vista económico e comercial. “A garantía da calidade de orixe dos produtos galegos son garantías que temos que poñer en valor no mercado”, incidiu.

Feijóo presentou o novo plan como un instrumento para facer do campo galego un escenario de emprendemento. “Pensamos que o rural ten que ser sinónimo de progreso e non de estancamento. Ten que ser sinónimo de emprendemento e xuventude. E ten que ser un escenario de competitividade, innovación e internacionalización”, aseverou, ao que engadiu que a finalidade é “contribuír a crear un rural máis vivo, máis dinámico e máis ordenado”.

Durante o acto, o responsable da Administración autonómica subliñou que o medio rural é, en definitiva para Galicia, pasado, porque está no ADN; pero é tamén futuro. E cara a ese futuro incidiu na necesidade de enfocar todos os esforzos e todo o traballo que se desenvolve desde o sector primario, tanto desde o ámbito agrario, como forestal e gandeiro.

Nesta liña, recordou que a economía global hai tempo que virou cara ao emprendemento, cara á internacionalización e cara á innovación; “e o rural galego ten que ser o escenario onde poñer en valor estes tres factores”, precisou.

O titular da Xunta afirmou que o campo é unha fonte de emprendemento “e nel hai unha potencia instalada non utilizada que pode dar lugar –se somos capaces de facelo ben-, a incrementar o emprego e, moi especialmente, o emprego xuvenil”; é unha fonte de innovación “porque así nolo está a demostrar a aposta que desde Galicia están a facer moitos produtores pola agricultura ecolóxica e moitas empresas agroalimentarias que están a investir en novos procesos de produción”; e é unha fonte para a internacionalización dos produtos galegos “porque o que estamos a exportar a outros mercados é a garantía da calidade en orixe”.

Unha estratexia co sector e dentro do contexto europeo
Diante deste panorama, Feijóo apostou por, xunto co sector, trazar as estratexias que han de guiar o futuro do medio rural, e por facelo dentro do contexto europeo. “E, o instrumento que temos nas nosas mans para acadar este obxectivo é o novo Programa de Desenvolvemento Rural, que conta cun investimento global para os vindeiros sete anos de 1.186 millóns de euros –dos que a inmensa maioría son fondos europeos e da Xunta, e 80 millóns do Goberno central-“. “Do que se trata é de activar con este investimento todas as capacidades instaladas nesta Comunidade”, abundou.

Así mesmo, explicou que esta estratexia conta con tres obxectivos prioritarios. O primeiro deles fomentar a competitividade da agricultura galega: modernizando as explotacións agrícolas; impulsando a produtividade da industria agroalimentaria e forestal; e convertendo o campo nunha zona de competitividade da economía.

Por outra banda, o plan persegue tamén mellorar a calidade de vida no rural, investindo en mellorar os servizos básicos para fixar poboación neste ámbito. E, en terceiro lugar, busca incidir na conservación do patrimonio natural de Galicia, defendendo desde o punto de vista normativo a ordenación do territorio.

Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que estes obxectivos están aliñados coa estratexia Europa 2020; e resaltou ademais que o plan aposta de xeito claro polo relevo xeracional no agro galego, para o que se destinarán 67 millóns a apoiar os mozos que queiran emprender no sector primario. E, sobre este punto, salientou como novidade que para impulsar a formación neste ámbito, a Xunta ofertará un novo Ciclo Superior de Gandaría no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude (Boqueixón).

O PDR presentado hoxe destina tamén unha contía de 166 millóns á mellora das explotacións, cunha liña específica para as de tamaño máis pequeno. Ao que engadiu que para a mellora dos accesos ás explotacións e da súa base territorial investiranse 58 millóns.

O novo plan non esquece tampouco o apoio á industria agroalimentaria, á que achegará 95 millóns para a modernización das liñas de procesado, comercio e o desenvolvemento de novos produtos agrícolas. E seguirá potenciando as Indicacións Xeográficas Protexidas e as Denominacións de Orixe, a través dun apoio de 16 millóns.

No tocante a este último punto, Feijóo referiuse a modo de exemplo á fortaleza do sector vacún de carne a través da IXP Ternera Gallega, que en 2015 rexistrou un ascenso do 6% en produto comercializado e dun 4% en volume de negocio.

E, por último, nas prioridades que marca este Plan de Desenvolvemento Rural, está ademais o sector forestal; un eido no que a Xunta duplica o investimento produtivo ao pasar de case 25 millóns en 2015 a máis de 50 millóns en 2016.

Potenciar a cohesión territorial e favorecer a fixación de poboación
Feijóo afirmou que este plan permitirá que arredor de 4.000 explotacións se beneficien dos investimentos para impulsar a súa modernización e reestruturación; e que uns 2.200 agricultores mozos reciban apoio para poñer en marcha os seus proxectos no rural. “E contempla, tamén, que máis de 8.600 explotacións conten con apoio para participar en programas de calidade e novos circuítos comerciais; cubrirá máis de 2.300 operacións destinadas á incorporación das enerxías renovables e de aforro enerxético en terreos agrícolas e forestais; e, finalmente, no eido da formación, aspira a que máis de 49.000 persoas poidan participar nos diversos programas e a subvencionar máis de 800 proxectos de cooperación”, abundou.

O titular da Xunta afirmou que como marca a UE, co novo PDR a Comunidade dótase dunha ferramenta para potenciar a cohesión territorial e para favorecer a fixación de poboación en áreas rurais.

Por último, subliñou que converxer con Europa significa compartir os mesmos retos, “porque hai asuntos como o crecemento económico, o medio ambiente, a crise demográfica,… que transcenden rexións e países e hai que afrontar de xeito conxunto”. E, sobre este punto referiuse tamén aos retos que afectan actualmente a sectores como o lácteo.